Friday 26 de April de 2024

Un taller de creación escénica será a antesala da XLIV Mostra de Teatro Galego de Cariño


· A inscrición xa está aberta e terá lugar do 10 ao 12 de agosto baixo a batuta de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, de Ibuprofeno Teatro.

Un taller de creación escénica será a antesala da XLIV Mostra de Teatro Galego de Cariño, para o cal a inscrición xa está aberta, ata o 4 de agosto, e que terá lugar do 10 ao 12 do mesmo mes baixo a batuta de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, da compañía Ibuprofeno Teatro.

Cun prezo de 12 euros, quen o desexe poderá anotarse no correo electrónico cultura@concellodecarino.gal ou no teléfono 981 405 064. Está dirixido a persoas de máis de 12 anos e desenvolverase de 10:00 a 14:00 horas no Auditorio Municipal.

“Traballaremos o proceso de creación a partir dunha actividade socioeconómica relevante no municipio, como podería ser a actividade conserveira ou madeireira”, afirma Santiago Cortegoso. “Reproducir a escala reducida o proceso de creación dunha obra de teatro é o obxectivo primordial deste taller, creando personaxes, situacións, escenas e tamén traballando a improvisación”, achega.